Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey: “A Coruña comparte o espírito da Ruta Quetzal, de cooperación e solidariedade”


A alcaldesa recibiu hoxe en María Pita ás 200 rapazas e rapaces que tomaron parte na expedición deste ano, ‘Hacia la luz del fin del mundo’, que rematou na Coruña tras percorrer o norte de Portugal e Galicia

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá ás 200 rapazas e rapaces que integraron este ano a Ruta Quetzal 2023, unha iniciativa educativa ideada polo aventureiro Miguel Ángel De la Quadra-Salcedo e na que, desde o ano 1979, tomaron parte máis de 14.000 adolescentes aos que achega a valores como a protección do medio ambiente e o desenvolvemento do espírito de cooperación internacional.

Nesta edición, a Ruta Quetzal rematou na cidade da Coruña. Fíxoo tras dar comezo o pasado 1 de xullo, con trece días de traxecto polo norte de Portugal e a Costa da Morte, no que as e os participantes percorreron o territorio da antigua Gallaecia e conmemorando, ademais, o trixésimo aniversario do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade.
Neste sentido, Inés Rey apuntou ao lema desta Ruta Quetzal 2023, ‘Hacia la luz del fin del mundo’, e lembrou “o privilexio que supón rematar esta ruta na Coruña, a cidade da Torre de Hércules, un faro milenario que é Patrimonio da UNESCO desde hai máis de unha década”.

A este respecto, as rapazas e rapaces participantes na Ruta Quetzal tiveron a oportunidade de visitar este mércores a Torre de Hércules, achegándose á súa historia, mitos e lendas.

Ademais, tamén coñeceron de primeira man as instalacións de dous dos museos científicos da Coruña: a Domus e o Aquarium Finisterrae. Por outra banda, e tamén durante a xornada de onte, os integrantes da comitiva, dirixida por Íñigo De la Quadra-Salcedo —fillo de Miguel, fundador da Ruta— conmemoraron o 220º aniversario da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu no ano 1803 do porto da Coruña.

Xa hoxe, e ao abeiro da ‘Celebración Picasso 1973-2023’, a rapazada participante na Ruta Quetzal disfrutou dun percorrido polos enclaves emblemáticos da cidade asociados á figura do pintor Pablo Picasso, como o IES Eusebio da Guarda e a Casa Museo Picasso. Tamén visitaron o Museo de Belas Artes da Coruña.

O acto de recepción á rapazada da Ruta Quetzal 2023, celebrado hoxe ao mediodía na praza de María Pita, rematou cunha entrega mutua de obsequios entre o Concello e o equipo de organización da Ruta Quetzal: “A Coruña é unha cidade aberta, sen fronteras e comprometidas cos valores que comparte o espírito da Ruta Quetzal, de cooperación e solidariedade”.